Esta nova versión de MiniNo, a 3.0, que bautizamos como Queiles, despois de darnos bastantes problemas (lembrade que somos só 2 persoas para MiniNo e PicarOS) por fin parécenos estable abondo como para que poidamos finalmente publicar a versión candidata (RC).
Lembrarvos algúns datos xa publicados sobre ela:
Tendo en conta que as máquinas obxectivo desta distribución adoitan ser bastante vellas é cotiá que teñamos temor á perda de datos por ser o disco tamén moi vello; para paliar este eventual problema temos xa instalado «Cronopete» (ver máis).
Por mor da cantidade de problemas que nos estaba dando, especialmente coa reprodución de vídeos de Youtube, eliminamos o navegador Midori. No seu lugar deixamos configurada a base, para que quen o desexe poida instalar facilmente Tor Browser simplemente executando na terminal «sudo apt install torbrowser-launcher» ou mediante Synaptic instalar «torbrowser-launcher» (lembrarse de actualizar os repositorios antes) (ver máis).
Tras xurdir unha serie de problemas na ferramenta que usabamos para compilar a ISO (procedente de remastersys) pola súa incompatibilidade co novo núcleo, vímonos obrigados a recorrer ás ferramentas de Refracta. Isto implicou modificalo para axustalo ás nosas necesidades e a reescribir o noso instalador e modificar os de refracta (ver máis).
Para axudarnos a corrixir fallos, seguimos coa petición de que nos informedes no foro específico.
A imaxe e o ficheiro de comprobación Md5, podédela descargar de minino.galpon.org/ISO ou no apartado «Outras versións» en minino.galpon.org/es/descargas
Esta publicación forma parte das actividades que GALPon realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.