Publicada a versión RC do PicarOS Diego

Lun, 09/09/2013 - 18:29 -- mbouzada

Ás 13:44:53 do sábado 7 pechamos todas as incidencias de probas tras engadir as suxestións que foron feitas, co que procedemos á construción da imaxe ISO.

Descargas: https://minino.galpon.org/gl/descargas

(Esta é unha ISO híbrida que pode gravarse nun DVD ou transferir a un dispositivo USB de polo menos 4GB)

Nota: para transferila a un USB ver o como no wiki de GALPon.

Novidades na RC do PicarOS Diego

  • Actualización do núcleo (kernel) á versión 3.10.1

  • Parcheado do núcleo con «gobohide» polo que denominámola como «3.10.1-picaros».

  • Elimínase a opción de 2 usuarios (minino/picaros) e substitúese pola configuración de 4 escritorios predefinidos, conmutables con só un reinicio de sesión:

    • Escritorio «infantil» para pantallas de alta resolución, <1200, (PicarOS).

    • Escritorio «infantil» adaptado a ultra portátiles e pantallas de baixa resolución 1024x768 (PicarOS netbook).

    • Escritorio «serio» igual que o LXDE de MiniNo (MiniNo).

    • Escritorio «serio» igual que o «estilo Gnome» de MiniNo (Gnome2).

  • O nome de usuario e o contrasinal predeterminados son, en ambos os casos «minino».

  • Engádese unha opción de cambio automático de fondos de pantalla.

  • Engádese «gobohide» (activado de forma predeterminada na instalación, non así en vivo) para agochar todos os directorios e ficheiros sensibles da vista dos pequenos «aprendices», para evitar calquera manipulación indebida.

    • Esta funcionalidade pódese activar/desactivar desde a «Configuración da sesión de escritorio», necesitando reiniciar o equipo.

  • Engadida unha opción (desactivada de forma predeterminada para que sexa o pai/profesor/administrador quen a active) que impide «fixar» os cambios feitos no escritorio, restablecendo no seguinte inicio a configuración inicial (ou a que se realizou con esta opción desactivada).

  • Agora o sistema detecta a presenza de baterías e activa a súa supervisión cando esta existe. Engadíuselle unha mensaxe de voz para a alarma de «baixa carga». (Grazas á nosa little-betatester Marta Carpintero).

  • Engádese un sistema de «nube» persoal con BitTorrent Sync para sincronizar «cartafois» con calquera outro equipo ou teléfono intelixente (dispón de clientes para Mac OSX, Windows, iOS e Android, en GNU/Linux, FreeBSD e dispositivos NAS utilízase un cliente web, dispoñible para a práctica totalidade de arquitecturas, aloxado no noso sistema, a través de calquera navegador coa ruta http://localhost:8888.

    • Para este aplicativo (btsync) creamos un mini aplicativo, con icona na área de notificación, para activar/desactivar, acceder á páxina de compartición/configuración (no navegador) e supervisar os últimos elementos engadidos á sincronización.

    • Nota: esta «nube» non depende de ningún servidor externo, os ficheiros alóxanse nos equipos sincronizados, polo que «só» as persoas autorizadas acceden a eles (dependendo do nivel de autorización que se lles outorgou) e nunca perdemos o seu control.

  • Engadido un sistema de asistencia remota, por compartición de escritorio, que simplifica os pasos a dar especialmente polo «neófito» que necesite axuda.

    • Destacar que o que demanda axuda «só» ten que escribir o número IP que lle facilite o seu «axudante» e que este só necesitará facer (unha vez) o encamiñado (NAT) da súa computadora.

  • Engadida unha opción en menús para desmontar dispositivos USB sen necesidade de abrir o xestor de ficheiros.

  • Modificados os instaladores.

  • Reducido o tamaño final (3,3 GB) para que caiba sen dificultade nun dispositivo de memoria USB de 4GB, sen sacrificar a instalación de ningún programa ou utilidade (lembrar que hai dispositivos con 4GB nominais que só teñen unha capacidade real de 3,7 GB).

  • Modificado o tema de carga do SO

  • Substitúese «Dia» por «VUE» por estar mellor adaptado para un entorno educativo.

  • Integrada a versión 0.5.1 de Virtual Midi Piano Keyboard.

  • Engadidas as traducións de Laby, Anki, Hidrogen, wmpk, Mixxx, Marble, Scratch, GTans, Jokosher, Tanglet, Stopmotion, gobohide, BTSync, Xerador de carnés, Creador de diplomas e Creador de orlas.

  • Todos os elementos específicos de PicarOS en catalán, grazas a Jose Angel Galegos.

  • Agora todos os cartafois de miniaplicativos e escritorio aparecen co seu nome no idioma de entorno ($LANG).

  • Engadidos novos mini aplicativos á barra de tarefas.

  • Engadido un «programiña» que permítenos debuxar sobre a pantalla. Perfecto para exposicións nun aula ou para facer vídeo titoriais.

  • Corrixido un bug no «noso» inicio de lxde (startlxde) na configuración de temas con «obconf».

Pra rematar, informar de que incluímos no noso web unha nova opción do menú «Vídeotitoriais» onde iremos incluíndo tanto vídeos de axuda elaborados pola factoría GALPon MiniNo como calquera outros que poidan facer os nosos usuarios.

É a nosa intención facilitar ao máximo o uso desta derivada a aquelas persoas que chegan de novas ao mundo da liberdade tecnolóxica.

 

A vista foi eliminada.: